Como todos os 8 de marzo, Día Internacional da Muller, o feminismo galego volverá saír á rúa para facer o que sempre fixo: loitar, reivindicar e avanzar. Nun momento no que persisten desigualdades estruturais e no que determinados discursos pretenden cuestionar conquistas irrenunciables, cómpre reafirmar con claridade que non hai espazo para retrocesos: nin un paso atrás.
Desde o PSdeG de Santiago reiteramos o noso compromiso firme coa igualdade real e efectiva e co feminismo como motor imprescindible de xustiza social e democracia. Fronte ás violencias machistas, á fenda salarial, á precariedade laboral, á feminización da pobreza e fornte a todas as desigualdades, cómpre seguir impulsando políticas públicas valentes e sostidas no tempo que garantan dereitos e oportunidades para todas.
O 8M é tamén unha xornada de mobilización colectiva, de memoria e de futuro. Por iso, animamos á cidadanía compostelá a participar activamente nas mobilizacións convocadas polo feminismo galego na nosa cidade e a encher as rúas de Santiago de igualdade, dereitos, xustiza e liberdade.
Porque o feminismo é presente e é futuro. E porque a igualdade non se negocia: constrúese, deféndese e conquístase cada día.

