“Non imos fallarlle á veciñanza de Compostela”, di Aitor Bouza tras a publicación da enquisa publicada por La Voz de Galicia, que reflicte unha recuperación do apoio ao Partido Socialista na cidade respecto á publicada hai un ano.
Bouza criticou a xestión da actual alcaldesa, asegurando que “Santiago está sumida nunha parálise evidente. As veciñas e veciños merecen algo máis ca un goberno que vive de vender fume. Precisa un executivo que atenda as necesidades reais da cidade e non perda o tempo en propaganda”.
Santiago de Compostela, 25 de maio de 2025. O secretario xeral do PSdeG de Santiago, Aitor Bouza, valorou hoxe a enquisa publicada por La Voz de Galicia, que reflicte unha recuperación do apoio ao Partido Socialista na cidade respecto á publicada hai un ano: “A veciñanza entendeu o novo rumbo do Partido Socialista na cidade. Estes datos amosan que estamos a reconstruír o vínculo coa cidadanía e a camiñar na boa dirección”.
Bouza salientou que os resultados da enquisa publicada hoxe chegan tras un contexto adverso para a organización local, e subliñou que “o PSdeG recupera forza incluso nestas circunstancias e demostra que é un actor político imprescindible para manter e, por que non, liderar un futuro goberno progresista en Compostela”.
O secretario xeral foi claro ao sinalar que “non nos conformamos, pero entendemos a mensaxe da cidadanía: hai vontade de volver confiar no PSdeG. Queremos recuperar os resultados que nos levaron á Alcaldía e devolverlle á veciñanza a ilusión por unha Compostela mellor”.

Bouza criticou a xestión da actual alcaldesa, asegurando que “Santiago está sumida nunha parálise evidente. A veciñanza merece algo máis ca un goberno que vive de vender fume. Precisa un executivo que atenda as necesidades reais da cidade e non perda o tempo en propaganda”.
Finalmente, asegurou que o partido seguirá traballando xunto ao Grupo Municipal Socialista con humildade e ambición para recuperar a confianza cidadá: “Imos dar o mellor de nós para construír unha alternativa ampla e transformadora. Sabemos que Compostela está agardando polo Partido Socialista, e non lle imos fallar”.