O Partido Socialista esixe explicacións a Sanmartín polo deterioro da plataforma do aparcadoiro de Xoán XXIII

O Grupo Socialista alerta do grave deterioro da plataforma de Xoán XXIII e reclama ao Goberno Local de Sanmartín explicacións e actuacións inmediatas para recuperar o espazo danado.

Santiago de Compostela, 26 de maio de 2025. O grupo municipal socialista de Santiago de Compostela presentará no vindeiro Pleno do 3 de xuño unha pregunta formal ao Goberno local en relación ao estado de deterioro da plataforma do aparcadoiro de Xoán XXIII.

O portavoz socialista, Gumersindo Guinarte, explicou que «no anterior mandato acometéronse obras de adecentamento e restauración dese espazo co obxectivo de mellorar a súa funcionalidade e integración urbana». Non obstante, nos últimos meses observouse «un deterioro importante e a aparición de danos moi relevantes, especialmente no muro construído para dotar o espazo dunha estrutura máis axeitada».

Ante esta situación, o Partido Socialista reclama ao executivo municipal de Sanmartín que aclare se ten coñecemento das causas e da autoría dos danos, e que concrete os prazos previstos para acometer as obras de rehabilitación necesarias. “O que queremos saber é por que se produciron estes danos, quen os causou, e sobre todo, cando se van corrixir para devolverlle ao espazo o seu estado previo”, indicou Guinarte.

As e os socialistas consideran urxente a actuación para evitar que o deterioro continúe e poida supoñer riscos para a seguridade ou o uso cidadán deste espazo público estratéxico da cidade.