Pedro Blanco anuncia que o Grupo Socialista pedirá a comparecencia de Sanmartín ante as contradicións do seu Goberno con Fly2Galicia
Actualidade

Pedro Blanco anuncia que o Grupo Socialista pedirá a comparecencia de Sanmartín ante as contradicións do seu Goberno con Fly2Galicia

O candidato socialista considera insuficientes as explicacións ofrecidas ata o momento e reclama que a alcaldesa aclare que sabía o Concello sobre o proxecto, que garantías se comprobaron e en que consistiu o apoio prestado durante os últimos meses.

Blanco advirte de que as novas informacións coñecidas aumentan as dúbidas sobre unha iniciativa que contou co respaldo público do Goberno municipal e considera que Sanmartín debe explicar ante a Corporación toda a actuación do Executivo.

Santiago de Compostela, 26 de agosto de 2026. O candidato socialista á Alcaldía de Santiago, Pedro Blanco, anunciou que o Grupo Municipal Socialista solicitará a comparecencia da alcaldesa, Goretti Sanmartín, no Pleno para que dea explicacións sobre a actuación do seu Goberno arredor de Fly2Galicia.

“Chegados a este punto, non abondan explicacións a medias. A alcaldesa ten que comparecer e explicar con absoluta transparencia que fixo o seu Goberno durante todos estes meses con Fly2Galicia”, afirmou Blanco.

O socialista advertiu das contradicións do Executivo local porque “primeiro dixéronnos que levaban meses axudando para que este proxecto saíse adiante” e, cando comezaron a aparecer informacións preocupantes, “a señora Sanmartín tratou de reducir todo a unhas simples reunións e de desvincularse da iniciativa”. Por iso, reclama que a alcaldesa da cidade aclare “que xestións se realizaron desde o Concello e que información se tiña sobre as empresas que estaban detrás da operativa”.

Blanco lembrou que as e os socialistas “pedimos explicacións desde o primeiro momento” e lamentou que, varios días despois, “seguimos sen ter respostas claras”, mentres as novas informacións coñecidas aumentan as dúbidas arredor do proxecto.

O candidato socialista incidiu en que “sempre apoiaremos que o Concello traballe para conseguir novas conexións”, pero advertiu de que “se un Goberno leva meses traballando nun proxecto, ten a responsabilidade de saber con quen está traballando e comprobar a súa viabilidade antes de prestarlle respaldo institucional”.

Blanco cuestionou tamén que o BNG reclame explicacións a outras administracións cando “antes de mirar cara a fóra, Sanmartín debe explicar o que fixo o Goberno que ela preside e asumir a responsabilidade política das decisións que tomou”.

“A alcaldesa débelle explicacións á veciñanza de Santiago. É o momento da máxima transparencia e de deixar atrás os enredos e as versións contraditorias. Goretti Sanmartín ten que comparecer e contar con claridade que fixo o seu Goberno con Fly2Galicia”, concluíu Pedro Blanco.

Volver a actualidade