O PSdeG reclama un plan específico para previr inundacións nos ríos Sar e Sarela
Actualidade

O PSdeG reclama un plan específico para previr inundacións nos ríos Sar e Sarela

Marta Abal advirte dos danos rexistrados en zonas como Conxo e pide medidas preventivas ante o aumento do risco.

A concelleira socialista solicita a implicación de Augas de Galicia e máis transparencia nas actuacións.

O grupo socialista propón un plan de mantemento e conservación con seguimento público anual.

A concelleira do Grupo Municipal Socialista Marta Abal reclamou a elaboración e publicación dun plan específico de conservación e mantemento dos ríos Sar e Sarela, unha iniciativa presentada polo grupo socialista no pleno do mes de marzo e que foi aprobada, co obxectivo de previr inundacións e reducir os riscos para a veciñanza.

A iniciativa foi presentada polo grupo socialista no pleno do mes de marzo tras os episodios rexistrados nos últimos invernos, nos que o aumento do caudal dos ríos, debido ás abondosas chuvias, provocou inundacións e danos en vivendas e na súa contorna, especialmente na rúa Ponte Pereda, no barrio de Conxo.

Abal explicou que estes episodios evidencian a necesidade de actuar con anticipación, xa que “os troncos, pólas e material vexetal arrastrados polos ríos reducen a súa capacidade de drenaxe e agravan o risco de inundación”.

Neste sentido, a concelleira socialista advertiu de que Santiago conta con dúas zonas cualificadas como de risco potencial de inundación e subliñou que, no actual contexto de cambio climático, “as tarefas de mantemento habituais xa non son suficientes”.

Por iso, o Grupo Municipal Socialista propón avanzar cara a medidas preventivas de maior alcance e reclama a implicación de Augas de Galicia para actuar nas zonas máis vulnerables e “minguar os riscos para as persoas e os bens”.

Ademais, Abal insistiu na necesidade de reforzar a transparencia e o control destas actuacións, polo que solicitou que o plan inclúa a publicación e difusión periódica dos traballos realizados, así como dos recursos destinados.

“Santiago precisa planificación, prevención e información clara á cidadanía para facer fronte a un problema que vai a máis”, subliñou.

Por último, a concelleira socialista advertiu de que o grupo socialista fará seguimento desta iniciativa para garantir que se adopten medidas eficaces e sostidas no tempo.

Volver a actualidade