Marta Abal advirte de que a falta de diálogo inicial xera incerteza entre a veciñanza e os negocios afectados.
A concelleira socialista pide “escoita activa, coordinación e acompañamento” durante todo o proceso.
O grupo socialista reclama tamén un plan de dinamización para reforzar o barrio tras as obras.
O Grupo Municipal Socialista defendeu no último pleno unha proposición para mellorar a información á veciñanza e apoiar ao comercio durante as obras do barrio verde de Pontepedriña, unha iniciativa que foi aprobada.
Abal destacou que se trata dunha actuación importante para o barrio, pero advertiu de que “se perdeu unha oportunidade valiosa para incorporar desde o inicio as demandas das veciñas, veciños e negocios afectados”, o que, ao seu xuízo, explica “boa parte da preocupación que existe hoxe”.
A concelleira socialista sinalou que o problema non reside unicamente nas obras, senón tamén na súa xestión, que cualificou de “insuficiente en termos de información e coordinación”.
Neste sentido, denunciou que moitos comercios “seguen tendo dúbidas básicas” sobre cuestións clave como a continuidade das terrazas, a organización da carga e descarga ou as condicións de acceso para a clientela.
“Hai aspectos que probablemente xa non teñen solución, pero iso non pode ser unha escusa para seguir actuando do mesmo xeito”, advertiu.
Por iso, o Grupo Municipal Socialista reclamou un cambio na forma de xestionar o proxecto e instou ao Goberno local a practicar “unha escoita activa real”, acompañada de “información clara, coordinación e acompañamento durante todo o proceso”.
Ademais, Abal puxo o foco na necesidade de apoiar ao tecido comercial do barrio e reclamou a posta en marcha de medidas específicas que minimicen o impacto das obras.
En particular, defendeu a creación dun plan de dinamización que “non só permita soster a actividade durante as obras, senón tamén reactivar e fortalecer o barrio unha vez rematen”.
Por último, a concelleira socialista agardou que, tras a aprobación da iniciativa, “se traduza en feitos e nunha mellor xestión do impacto destas obras en Pontepedriña”.