A concelleira socialista Marta Abal lembra que o último Pleno aprobou a iniciativa do grupo socialista e advirte de que o Goberno de Goretti Sanmartín xa non ten escusas para actuar.
As e os socialistas denuncian que Santiago segue sen instalacións públicas suficientes para a práctica do tenis e reclaman retomar e actualizar o proxecto aprobado en 2023 para dar resposta á demanda existente.
A concelleira do Grupo Municipal Socialista Marta Abal reclamou ao Goberno municipal que execute a iniciativa aprobada no último Pleno para recuperar as pistas municipais de tenis de Rodríguez de Viguri, denunciando que Santiago continúa sen ofrecer instalacións públicas suficientes para un dos deportes con maior seguimento social, unha situación que evidencia a falta de compromiso do executivo co deporte de base.
«O tenis é un dos deportes con maior seguimento no noso país e, sen embargo, Santiago segue sen instalacións públicas suficientes», advertiu Abal, que lembrou que as pistas de Sar e as da Universidade «non son capaces de absorber a demanda existente», mentres as únicas pistas municipais de acceso libre permanecen pechadas e deterioradas.
A concelleira socialista lembrou que esta situación podería estar xa resolta se o Goberno municipal executase un proxecto que o propio Concello aprobou hai tres anos. «O máis grave é que non partimos de cero», sinalou, explicando que en 2023 se aprobou unha actuación para recuperar estas instalacións, pero «quedou a medias e a segunda fase nunca chegou a licitarse».
Abal advertiu de que esta falta de actuación está a prexudicar directamente aos clubs da cidade. «Mentres tanto, clubs como o Camiño Stellae vense obrigados a desprazarse a outros concellos para poder adestrar porque Santiago non lles ofrece as instalacións que necesitan», lamentou.
A iniciativa aprobada a proposta do Grupo Municipal Socialista reclama “acondicionar de maneira integral as tres pistas de Rodríguez de Viguri, retomando e actualizando o proxecto aprobado en 2023” para adaptalo ás necesidades actuais. Ademais, propón “estudar a instalación dunha cuberta” que permita o seu uso durante todo o ano e, no caso de que o Concello non dispoña dos recursos necesarios, “buscar financiamento noutras administracións”.
Para concluír, Marta Abal subliñou que «o Goberno municipal xa non ten escusas» e reclamou que cumpra o mandato do Pleno. «Tócalles poñerse a traballar, cumprir o acordo aprobado e facer realidade unha actuación moi necesaria para os clubs e para toda a cidadanía», concluíu.