O PSdeG leva ao Pleno a posta en valor da Rocha Forte fronte á “falta de ambición” do Goberno de Sanmartín
Actualidade

O PSdeG leva ao Pleno a posta en valor da Rocha Forte fronte á “falta de ambición” do Goberno de Sanmartín

O Grupo Municipal Socialista levará ao Pleno un rogo para mellorar o acceso e a visibilidade dun dos espazos patrimoniais máis relevantes de Santiago.

Marta Abal advirte de que a ausencia de sinalización supón unha oportunidade perdida para conectar patrimonio, historia e turismo na cidade.

A concelleira do Grupo Municipal Socialista Marta Abal anunciou que o grupo socialista levará ao Pleno deste mes unha iniciativa para mellorar a sinalización do Castelo da Rocha Forte, en Conxo, co obxectivo de facilitar o acceso e poñer en valor un espazo clave do patrimonio histórico compostelán.

“Estamos a falar dun espazo de enorme valor histórico e patrimonial do noso concello, declarado Ben de Interese Cultural, pero que segue sendo descoñecido para moita xente, tanto veciñanza como visitante”, advertiu Abal.

A concelleira socialista denunciou a falta de sinalización tanto no viario urbano como no propio Camiño Portugués ao seu paso pola Rocha Vella. “Non existe sinalización urbana que indique como chegar, nin tampouco no propio Camiño Portugués ao seu paso pola Rocha Vella, o que supón perder unha oportunidade evidente de conectar patrimonio e turismo”, sinalou.

Neste sentido, Abal enmarcou esta situación nun problema máis amplo de xestión municipal. “A isto súmase o evidente estado de abandono que presenta o recinto, consecuencia da absoluta falta de mantemento que lle corresponde ao Concello, con xestas medrando no espazo e unha imaxe impropia dun ben patrimonial desta relevancia”, afirmou, en liña coas críticas reiteradas do grupo socialista á falta de rumbo do executivo local .

A socialista insitiu en que a falta de sinalización e o estado do castelo “non é unha cuestión menor” e incidiu en que a situación “é unha mostra máis da falta de planificación e de ambición do goberno municipal á hora de coidar e promocionar o noso patrimonio”.

Desde o Grupo Municipal Socialista insisten en que a solución pasa por actuar de maneira clara e decidida. “O que pedimos é instalar sinalización direccional que facilite o acceso e poña en valor un espazo que debería ser parte central da oferta cultural e histórica da cidade”, explicou.

Abal concluíu subliñando que esta actuación permitiría que máis persoas coñezan e desfruten deste enclave histórico. “Trátase de garantir que o patrimonio de Santiago estea accesible, visible e integrado na vida da cidade, como merece”, rematou.

Volver a actualidade