O PSdeG esixe á Xunta que cumpra co Conservatorio Profesional de Danza e denuncia a incoherencia do PP
Actualidade

O PSdeG esixe á Xunta que cumpra co Conservatorio Profesional de Danza e denuncia a incoherencia do PP

Aitor Bouza lembra que se trata dunha “reivindicación histórica desta cidade, tamén do propio sector” e denuncia que en 2026 a Xunta aínda non deu ningún paso para facer realidade esta necesidade.

Os socialistas levarán de novo esta demanda ao Parlamento e esixirán ao PP unha posición clara sobre unha dotación que consideran necesaria para Compostela.

Bouza cuestiona a incoherencia do Partido Popular e advirte de que “non sabemos se o Borja Verea deputado falará co Borja Verea concelleiro para apoiar este acordo”.

O secretario xeral do PSdeG de Santiago e deputado autonómico, Aitor Bouza, reclamou á Xunta de Galicia que cumpra cos seus compromisos e impulse a creación dun Conservatorio Profesional de Danza en Santiago, unha demanda histórica da cidade e do sector.

Bouza lembrou que esta infraestrutura “é unha reivindicación histórica desta cidade e tamén do propio sector”, subliñando a súa importancia para o desenvolvemento cultural e formativo de Compostela, e puxo o foco na falta de avances por parte do Goberno galego, “estamos no 2026 e nin un só paso deu a Xunta de Galicia para facer realidade esta promesa electoral”, denunciou.

Neste sentido, Bouza cuestionou a falta de coherencia do PP, tanto en Santiago como no Parlamento galego. “Non sabemos se o Borja Verea deputado falará co Borja Verea concelleiro para poñerse de acordo e que o Partido Popular teña a mesma postura”, lembrando que, malia os compromisos públicos adquiridos en 2023 polo señor Verea, o Partido Popular votou en contra das emendas socialistas que propoñían incorporar unha partida específica para este proxecto nos orzamentos da Xunta.

Así, recordou que o propio PP defendía que este conservatorio “suporía unha oportunidade para Compostela e para que nenos e adultos poidan ter acceso ao mundo da danza dun xeito máis profesional”, fronte á realidade actual de bloqueo.

Bouza insistiu en que a creación deste centro permitiría reforzar a oferta cultural e formativa da cidade e dar resposta a unha demanda social consolidada. “É unha reivindicación necesaria e xusta que facemos nosa e que levamos ás institucións para que se faga realidade”, afirmou.

Por todo isto, anunciou que o PSdeG levará de novo esta cuestión ao Parlamento de Galicia mediante unha batería de iniciativas para forzar un posicionamento claro do Partido Popular. “Queremos que o PP se posicione de maneira directa e clara co seu voto”, indicou.

Finalmente, Bouza tamén criticou a falta de implicación do Goberno municipal nesta reivindicación e reclamou maior capacidade de acordo entre administracións. “Moita confrontación e moito ruído, pero pouca capacidade para chegar a acordos en cuestións importantes para a cidade”, advertiu.

Volver a actualidade