Marta Abal alerta de que as familias seguen sen información sobre as bolsas de comedor, material escolar e actividades extraescolares cando falta apenas unha semana para o inicio das clases.
As e os socialistas denuncian un atraso respecto dos últimos anos e reclaman ao Goberno local que axilice de inmediato a resolución das axudas e explique os motivos da demora.
A concelleira do Grupo Municipal Socialista Marta Abal trasladou a preocupación das familias que solicitaron as bolsas municipais de comedor, material escolar e actividades extraescolares e que, a día de hoxe, continúan sen coñecer se poderán contar con estas axudas para afrontar o inicio do curso.
Abal advertiu de que falta apenas unha semana para o comezo das clases e “o Concello aínda non publicou a resolución provisional destas bolsas”, un trámite que, segundo lembrou, “nos últimos anos se viña realizando a principios do mes de agosto”.
Ante esta demora, a concelleira socialista reclamou ao Goberno local que actúe de maneira inmediata, esixíndolle “ao Goberno local que axilice de inmediato a resolución destas axudas, poña fin a este atraso inxustificado e dea explicacións claras sobre os motivos que están a demorar a súa concesión”.
A concelleira socialista advertiu de que esta demora chega nun momento especialmente sensible para os fogares, xa que “as familias necesitan saber canto antes se contarán con estas axudas” para poder afrontar a volta ás aulas e “planificar o inicio do curso con información, previsión e tranquilidade”, sen ter que chegar aos primeiros días de setembro sen saber con que apoio económico poderán contar.
Para finalizar, Abal incidiu en que manter sen resolver estas bolsas obriga ás familias a “afrontar a costa de setembro coa incerteza de non saber se recibirán ou non un apoio económico fundamental para facer fronte aos gastos escolares”, polo que desde o Grupo Municipal Socialista reclaman ao Goberno local que “axilice de inmediato a resolución destas axudas, poña fin a este atraso inxustificado e dea explicacións claras sobre os motivos que están a demorar a súa concesión”.