Saltar ao contido
Actualidade

O PSdeG denuncia un novo colapso nas Urxencias do CHUS e acusa á Xunta de repetir cada verán a mesma falta de planificación

Aitor Bouza asegura que o cambio na xerencia do Sergas foi «mera maquillaxe» e denuncia que o novo equipo mantén as mesmas políticas que provocan a saturación asistencial.

O deputado socialista anuncia que levará de novo o problema ao Parlamento de Galicia e esixe ao conselleiro de Sanidade un plan específico con máis medios humanos e materiais para afrontar o período estival.

O secretario xeral do PSdeG de Santiago e deputado no Parlamento de Galicia, Aitor Bouza, denunciou o novo colapso das Urxencias do CHUS coincidindo coa chegada do verán e acusou á Xunta de Rueda de repetir ano tras ano os mesmos erros por non reforzar o sistema sanitario durante o período estival. O socialista esixe medidas inmediatas e anuncia que volverá levar esta situación ao Parlamento galego para reclamar solucións urxentes.

Bouza advertiu de que a saturación das Urxencias do Hospital de Santiago «non falla» cada verán e lembrou que o PSdeG da cidade leva «meses e anos reivindicando» un plan específico para esta época do ano. Segundo denunciou, a Xunta «mirou cara outro lado» en lugar de dotar ao CHUS dos medios humanos e materiais necesarios para evitar unha situación que, ao seu xuízo, xa era perfectamente previsible.

O deputado socialista criticou tamén o recente cambio na xerencia do Sergas, que cualificou de «mera maquillaxe». Ao seu xuízo, o relevo non serviu para modificar a política sanitaria do Goberno galego e tradúcese nun «novo xerente para as mesmas prácticas», que volven desembocar nun novo episodio de colapso asistencial.

Para Bouza, esta situación «debería avergoñar ao conselleiro de Sanidade», ao considerar que a falta de planificación e a política de peche de camas continúan deteriorando a atención sanitaria. O dirixente socialista denunciou que numerosas persoas tiveron que permanecer «amoreadas nos pasillos» do hospital, unha situación que atribuíu directamente ás decisións do Executivo autonómico.

Neste contexto, anunciou que o PSdeG volverá levar esta problemática ao Parlamento de Galicia para reclamar responsabilidades políticas e esixir actuacións inmediatas. «Esiximos de inmediato que se poñan solucións», afirmou, reclamando que a Xunta «pense xustamente en todas esas persoas» que sofren as consecuencias dunha sanidade pública saturada.

Bouza concluíu asegurando que a cidadanía «non pode padecer as políticas do Partido Popular» nin seguir soportando as consecuencias da que cualificou como a «neglixente xestión do conselleiro de Sanidade». Por iso, reclamou un reforzo urxente dos recursos asistenciais para garantir unha atención sanitaria digna durante os meses de maior presión asistencial.

Actualidade

Máis novas

Actualidade

O PSdeG reivindica nas rúas de Santiago o dereito á vivenda e os salarios dignos fronte ás políticas do PP e Vox

Aitor Bouza defendeu a mobilización da clase traballadora contra a especulación e carga contra o Partido Popular polos seus ataques aos sindicatos e por situarse do lado dos especuladores. O candidato socialista ao Senado, Gumersindo Guinarte, denunciou que PP e Vox bloquearon reiteradamente no Congreso medidas impulsadas polo Goberno de Pedro Sánchez para garantir o […]

Actualidade

O PSdeG denuncia que o Goberno de Sanmartín deixa ás asociacións veciñais apenas dous días para xustificar as subvencións

Gumersindo Guinarte critica que as axudas non se aprobasen ata este luns, día 9, cando o prazo de xustificación remata o mércores 11, coincidindo ademais coa folga xeral. Os socialistas denuncian tamén a redución de 8.000 euros no orzamento da convocatoria e cuestionan que a concesión das axudas se comunicase por correo electrónico en lugar […]

Actualidade

Pedro Blanco sitúa a mobilidade e os equipamentos públicos entre as prioridades para Santa Marta

Abordou coa veciñanza a situación da mobilidade na contorna do Complexo Hospitalario Universitario de Santiago (CHUS), especialmente ante a súa ampliación, e reclama a Xunta e Concello coordinación e transparencia sobre o proxecto para prever solucións nos accesos e o estacionamento. O candidato socialista á Alcaldía agradeceu á asociación veciñal o traballo que desenvolve e […]