Marta Abal esixe ao Goberno local que deixe de agocharse tras os trámites administrativos e informe dunha vez á veciñanza sobre cando se retomarán uns traballos que levan meses parados.
A concelleira socialista critica que o executivo municipal sexa incapaz de ofrecer prazos nin solucións mentres o material de obra permanece na rúa e os arranxos provisionais se converten en permanentes.
A concelleira do Grupo Municipal Socialista Marta Abal denunciou a situación de abandono que sofre a rúa García Lorca e acusou ao Goberno de Goretti Sanmartín de manter ao barrio atrapado entre a improvisación e a parálise administrativa, sen ofrecer explicacións nin solucións a unha veciñanza que leva meses agardando pola reanudación das obras.
Abal lembrou que xa pasou máis dun mes e medio desde que a Xunta de Goberno Local aprobou a modificación do proxecto necesaria para continuar os traballos, pero advertiu de que «nada se move no barrio». A edil socialista sinalou que a aparición dunha tubaxe de fibrocemento obrigou a interromper as obras a comezos de ano, pero subliñou que esa circunstancia xa non pode servir de escusa unha vez aprobada a modificación do proxecto.
A concelleira criticou que, mentres o Goberno da señora Sanmartín segue sen dar explicacións, a veciñanza continúa sen saber «cando se van retomar as obras», unha situación que, segundo indicou, está a provocar «un fondo malestar» entre as persoas afectadas.
Neste sentido, Abal reclamou ao executivo local que informe con transparencia dos prazos reais previstos para a actuación e que poña fin a unha situación que considera inxustificable. «Esiximos» ao Goberno local que dea respostas á veciñanza e que proceda á reanudación inmediata dos traballos, afirmou.
A socialista advertiu de que a imaxe actual da rúa é o reflexo da falta de capacidade de xestión do Goberno de Sanmartín. «Non é admisible» que o material de obra acumulado na zona semelle xa «parte do mobiliario urbano», nin que unhas actuacións pensadas como provisionais leven meses condicionando a vida diaria da veciñanza.
Abal lamentou que os arranxos provisionais de accesibilidade se estean convertendo na práctica nunha situación permanente e criticou que o barrio continúe esperando por unhas obras que deberían estar rematadas. Ao seu xuízo, a falta de información e a ausencia de avances evidencian unha forma de gobernar baseada na improvisación e na incapacidade para resolver os problemas reais da cidade.
«O que merece a veciñanza son solucións e non silencio», concluíu, reclamando ao Goberno municipal que deixe de acumular retrasos e cumpra cos compromisos adquiridos cos veciños e veciñas de Guadalupe.