Saltar ao contido
Actualidade

O PSdeG denuncia o abandono “insostible” do parque empresarial da Sionlla e esixe desbloquear a Entidade de Conservación

Marta Abal advirte de que o deterioro afecta á imaxe de Santiago e á súa capacidade para atraer investimento.

As e os socialistas preguntarán no pleno cando prevé o Goberno da señora Sanmartín completar a constitución definitiva do organismo encargado do mantemento da área empresarial.

O Grupo Municipal Socialista levará ao pleno deste xoves unha pregunta sobre a situación do parque empresarial da Sionlla e os atrasos na constitución da súa Entidade de Conservación, tras denunciar o estado de deterioro que presenta actualmente a área.

A concelleira socialista Marta Abal cualificou de “insostible” o estado actual do polígono e advertiu de que “calquera persoa que o visite decátase axiña” da situación, cunha acumulación de deficiencias visibles que afectan tanto á imaxe como á funcionalidade do espazo.

Segundo describiu, existen “farois danados, viais sen pintar nin sinalizar, alumeado que non funciona e deixa o polígono na escuridade cando cae a noite, maleza sen rozar…”, unha “imaxe impropia dun espazo que non está á altura das empresas instaladas nin das persoas usuarias”, e que, ao seu xuízo, non se corresponde co papel estratéxico que debería desempeñar esta área empresarial.

Para frear este deterioro, Abal sinalou que “o primeiro paso é constituír a Entidade de Conservación da Sionlla”, o organismo chamado a “asegurar a conservación e o mantemento das dotacións públicas, das infraestruturas e das instalacións dos servizos públicos da área”.

Porén, segundo advertiu, “a súa constitución segue pendente de trámites municipais” e “o procedemento leva parado desde o 1 de agosto de 2025, á espera de informes do Concello de Santiago”, unha situación que atribuíu directamente á “parálise do goberno de Goretti Sanmartín”.

A concelleira alertou de que este bloqueo “está a prexudicar a imaxe de Santiago e a súa capacidade para atraer investimento”, ao transmitir unha sensación de abandono nun espazo clave para o tecido produtivo da cidade.

Neste contexto, explicou que “no pleno deste xoves preguntarémoslle ao goberno local cando ten previsto completar a constitución definitiva da Entidade de Conservación”, insistindo en que “o parque empresarial da Sionlla non pode seguir deteriorándose así: é unha prioridade económica e tamén unha cuestión de seguridade”.

Desde o Grupo Municipal Socialista reclaman ao executivo da señora Sanmartín que desbloquee de maneira inmediata os trámites pendentes e asuma como prioritaria a posta en marcha deste instrumento de xestión, ao considerar que a Sionlla debe estar á altura das empresas que xeran emprego e riqueza en Santiago.

Actualidade

Máis novas

Actualidade

O PSdeG reivindica nas rúas de Santiago o dereito á vivenda e os salarios dignos fronte ás políticas do PP e Vox

Aitor Bouza defendeu a mobilización da clase traballadora contra a especulación e carga contra o Partido Popular polos seus ataques aos sindicatos e por situarse do lado dos especuladores. O candidato socialista ao Senado, Gumersindo Guinarte, denunciou que PP e Vox bloquearon reiteradamente no Congreso medidas impulsadas polo Goberno de Pedro Sánchez para garantir o […]

Actualidade

O PSdeG denuncia que o Goberno de Sanmartín deixa ás asociacións veciñais apenas dous días para xustificar as subvencións

Gumersindo Guinarte critica que as axudas non se aprobasen ata este luns, día 9, cando o prazo de xustificación remata o mércores 11, coincidindo ademais coa folga xeral. Os socialistas denuncian tamén a redución de 8.000 euros no orzamento da convocatoria e cuestionan que a concesión das axudas se comunicase por correo electrónico en lugar […]

Actualidade

Pedro Blanco sitúa a mobilidade e os equipamentos públicos entre as prioridades para Santa Marta

Abordou coa veciñanza a situación da mobilidade na contorna do Complexo Hospitalario Universitario de Santiago (CHUS), especialmente ante a súa ampliación, e reclama a Xunta e Concello coordinación e transparencia sobre o proxecto para prever solucións nos accesos e o estacionamento. O candidato socialista á Alcaldía agradeceu á asociación veciñal o traballo que desenvolve e […]