O PSdeG denuncia o abandono de Guadalupe e esixe desbloquear as obras de García Lorca
Actualidade

O PSdeG denuncia o abandono de Guadalupe e esixe desbloquear as obras de García Lorca

O voceiro socialista, Gumersindo Guinarte, reclama que o Concello informe con transparencia sobre o estado das obras e as responsabilidades da empresa adxudicataria.

Os socialistas advirten de que Guadalupe acumula problemas de mobilidade, accesibilidade, seguridade viaria e abastecemento de auga sen que o Goberno municipal dea resposta.

O voceiro do Grupo Municipal Socialista, Gumersindo Guinarte, denunciou o estado de abandono que sofre o barrio de Guadalupe e reclamou ao Goberno de Goretti Sanmartín que actúe dunha vez para resolver as principais demandas da veciñanza, entre elas o desbloqueo das obras da rúa García Lorca, paralizadas desde hai máis de medio ano, e a execución das actuacións pendentes en materia de mobilidade e servizos básicos.

Guinarte explicou que estas demandas foron trasladadas recentemente aos socialistas durante unha reunión coa asociación de veciños do barrio. Segundo indicou, «un dos asuntos que máis preocupa é a situación das obras da rúa García Lorca», unha actuación que leva «máis de medio ano paralizada» e que está a provocar importantes problemas de accesibilidade e mobilidade.

O voceiro socialista advertiu de que a falta de información está a incrementar a preocupación veciñal. Aínda que a última previsión do Goberno municipal sitúa a reanudación dos traballos no mes de setembro, lembrou que «despois de tantas promesas incumpridas», a veciñanza teme que a obra quede paralizada «sine die». Por iso, reclamou ao executivo local que informe con transparencia sobre o estado real da actuación e «esixa as responsabilidades precisas á empresa contratista».

Guinarte subliñou que os problemas de Guadalupe non rematan en García Lorca. Así, explicou que no Camiño dos Vilares a veciñanza reclama desde hai tempo a construción de beirarrúas que permitan desprazarse con seguridade. «Estamos falando dunha demanda básica», sinalou, para garantir a mobilidade peonil nunha zona pola que transitan diariamente numerosas persoas.

Ademais, puxo o foco na situación da rúa Blanco Amor, onde existe unha importante preocupación polo estado da rede de abastecemento de auga. O socialista lembrou que o pasado verán os rebentóns da condución deixaron durante horas sen subministro a numerosas vivendas e mesmo provocaron danos en electrodomésticos. «A veciñanza teme que volva repetirse a mesma situación este verán», advertiu.

Para as e os socialistas, estes problemas evidencian «a falta de mantemento e de planificación» do Goberno de Goretti Sanmartín nos barrios da cidade. Guinarte insistiu en que Guadalupe «non pode seguir esperando» mentres se acumulan actuacións pendentes e reclamou unha resposta inmediata ás demandas trasladadas pola veciñanza.

«O Goberno municipal ten que escoitar á veciñanza de Guadalupe, actuar con transparencia e dar solucións», concluíu Guinarte, porque «os barrios non poden seguir sendo os grandes esquecidos da acción de goberno».

Volver a actualidade