Marta Abal advirte de que a imaxe de Santiago non pode ser de desleixo nun dos principais puntos de entrada á cidade.
A concelleira socialista reclama un plan de mantemento serio para evitar que situacións como esta se repitan.
A concelleira do Grupo Municipal Socialista Marta Abal denunciou o estado de abandono que presentan as rúas Clara Campoamor e o Hórreo nas inmediacións da estación intermodal de Santiago, tras recibir numerosas queixas veciñais nos últimos días.
Abal sinalou que “nos últimos días estamos a recibir moitas queixas sobre o estado de abandono que presentan as rúas Clara Campoamor e o Hórreo nas inmediacións da estación intermodal de Santiago”, e advertiu de que se trata dunha situación visible nun dos principais accesos á cidade.
Neste sentido, describiu a contorna como “vexetación sen manter, zonas pouco coidadas e unha imaxe impropia dun dos principais accesos á cidade”, o que, ao seu xuízo, evidencia unha falta de atención por parte do Goberno municipal. A concelleira socialista advertiu de que se trata da “porta de entrada de milleiros de persoas: visitantes, peregrinos, xente que chega a Santiago por primeira vez”, polo que sinalou que “a primeira impresión que se levan hoxe é de desleixo e falta de xestión”.
Abal criticou que esta situación responde a unha falta de planificación e xestión por parte do executivo local e asegurou que “este é o modelo de cidade do goberno da señora Sanmartín, deixar caer o básico, tamén nos espazos máis visibles e estratéxicos”.
A concelleira lembrou ademais o peso do turismo na cidade e subliñou que “non podemos esquecer que a nosa cidade é un dos principais destinos turísticos de Galicia, con milleiros de visitantes e peregrinos chegando cada ano á cidade, especialmente a través da estación intermodal”, polo que insistiu en que “a imaxe que ofrecemos na chegada non pode ser de abandono”.
Neste sentido, advertiu de que “o turismo tamén depende da imaxe que ofrecemos e, nun contexto de competencia entre destinos, non coidar a imaxe de Santiago é simplemente irresponsable”.
Por todo isto, Abal esixiu ao Goberno municipal “unha actuación inmediata nestas zonas e un plan de mantemento serio que evite que situacións como esta se repitan”. “Santiago non merece esta deixadez. Nin a veciñanza, nin quen nos visita”, concluíu.