Saltar ao contido
Actualidade

O PSdeG denuncia o abandono da Sionlla e reclama o desbloqueo inmediato da entidade de conservación

Gumersindo Guinarte critica que o enfrontamento entre o Concello e a Xunta ameaza con levar o mantemento do polígono aos tribunais.

Os socialistas esixen menos confrontación e máis vontade real de acordo para frear a deterioración dun espazo estratéxico para a economía local.

O Grupo Municipal Socialista de Santiago amosou a súa preocupación ante a parálise administrativa e o estado de progresiva deterioración que sofre o Polígono da Sionlla. O voceiro socialista, Gumersindo Guinarte, instou ao goberno municipal a abandonar a política de confrontación e priorizar o mantemento dunha área que cualificou de «clave» para o tecido produtivo da cidade.

Guinarte cualificou a situación actual de “insostible” e amosou a preocupación do seu grupo “polo estado dos espazos públicos do Polígono da Sionlla”, polo que indicou que reclaman “actuacións inmediatas para poñerlle remedio».

Segundo explicou o voceiro socialista, a falta de mantemento básico está a derivar en graves problemas de alumeado e “desperfectos” na vía pública que danan a competitividade da zona e “xera unha clara sensación de abandono e inseguridade impropia dun espazo estratéxico para o tecido económico de Santiago», lamentou.

Guinarte recordou que, no mes de febreiro, o goberno municipal asegurara aos socialistas que “o procedemento para constituír a entidade de conservación seguía avanzando”, pendente unicamente dun informe de sostibilidade orzamentaria.

Porén, o voceiro socialista denunciou que as recentes noticias sobre un novo enfrontamento coa Xunta polos custos de mantemento pendentes desde 2022, data na que XESTUR deixou de informalos, “son moi preocupantes”. Como consecuencia, “a creación da entidade de conservación está cada vez máis bloqueada, está cada vez máis lonxe, e o conflito ameaza con acabar nos tribunais», advertiu.

Por todo isto, dende o grupo socialista indican que a “situación non pode seguir así”, e aseguran que «o que fai falta é menos confrontación, menos cartas e correos de ida e volta e máis vontade real de acordo”, poñendo o foco na necesidade de “aclarar responsabilidades” para actuar de inmediato sobre os desperfectos máis graves, “que son xa moi visibles e poñer en marcha dunha vez a entidade que debe garantir o mantemento e a modernización deste polígono».

Para o socialista, o estado do polígono vai máis alá dun conflito administrativo, afectando directamente á “imaxe que proxecta Santiago”, segundo expresou o voceiro “estamos a falar da seguridade, do funcionamento dunha área empresarial clave e, sobre todo, do apoio que merecen as empresas e as persoas que traballan na Sionlla”.

Actualidade

Máis novas

Actualidade

O PSdeG reivindica nas rúas de Santiago o dereito á vivenda e os salarios dignos fronte ás políticas do PP e Vox

Aitor Bouza defendeu a mobilización da clase traballadora contra a especulación e carga contra o Partido Popular polos seus ataques aos sindicatos e por situarse do lado dos especuladores. O candidato socialista ao Senado, Gumersindo Guinarte, denunciou que PP e Vox bloquearon reiteradamente no Congreso medidas impulsadas polo Goberno de Pedro Sánchez para garantir o […]

Actualidade

O PSdeG denuncia que o Goberno de Sanmartín deixa ás asociacións veciñais apenas dous días para xustificar as subvencións

Gumersindo Guinarte critica que as axudas non se aprobasen ata este luns, día 9, cando o prazo de xustificación remata o mércores 11, coincidindo ademais coa folga xeral. Os socialistas denuncian tamén a redución de 8.000 euros no orzamento da convocatoria e cuestionan que a concesión das axudas se comunicase por correo electrónico en lugar […]

Actualidade

Pedro Blanco sitúa a mobilidade e os equipamentos públicos entre as prioridades para Santa Marta

Abordou coa veciñanza a situación da mobilidade na contorna do Complexo Hospitalario Universitario de Santiago (CHUS), especialmente ante a súa ampliación, e reclama a Xunta e Concello coordinación e transparencia sobre o proxecto para prever solucións nos accesos e o estacionamento. O candidato socialista á Alcaldía agradeceu á asociación veciñal o traballo que desenvolve e […]