O PSdeG denuncia o abandono da rúa do Cubelo e esixe ao Goberno municipal a súa reparación inmediata
Actualidade

O PSdeG denuncia o abandono da rúa do Cubelo e esixe ao Goberno municipal a súa reparación inmediata

Marta Abal advirte de que o firme segue deteriorándose meses despois das primeiras denuncias dos socialistas e acusa ao Goberno de Sanmartín de non actuar ante as queixas da veciñanza.

As e os socialistas levarán ao vindeiro Pleno un rogo para reclamar unha actuación urxente e lembran que o executivo deixou sen desenvolver o Plan Anual de Mantemento aprobado pola Corporación hai máis dun ano.

A concelleira do Grupo Municipal Socialista Marta Abal anunciou que o PSdeG levará ao vindeiro Pleno un rogo para reclamar a reparación urxente da rúa do Cubelo, ao considerar que o deterioro do pavimento se agravou nos últimos meses sen que o Goberno municipal adoptase medidas. A edil denuncia que as fochancas continúan aumentando malia as advertencias realizadas hai meses tras recoller as queixas da veciñanza e enmarca esta situación na falta de planificación do mantemento das rúas de Santiago.

«Hai xa varios meses denunciabamos o mal estado da rúa do Cubelo despois de recoller as queixas da veciñanza. Daquela advertiamos de que era necesaria unha actuación urxente para evitar que o deterioro seguise avanzando. Por desgraza, o Goberno municipal non fixo absolutamente nada e hoxe a situación é aínda peor», denuncia a concelleira socialista Marta Abal.

A edil explica que o estado da vía empeorou de maneira evidente e que a falta de actuación está a afectar ao día a día da veciñanza. «As fochancas son cada vez máis numerosas e profundas, o pavimento está moi deteriorado e circular por esta rúa converteuse nun problema diario para moitos veciños e veciñas. Estamos a falar dunha vía moi utilizada, na que este abandono supón un risco para a seguridade de quen transita por ela», advirte.

Abal enmarca esta situación nun problema máis amplo relacionado coa falta de planificación no mantemento da cidade. «O estado desta rúa é un exemplo máis da falta de planificación do Goberno local. Hai máis dun ano o Pleno municipal aprobou a nosa proposta para elaborar un Plan Anual de Mantemento de Infraestruturas, Espazos e Elementos Urbanos, precisamente para deixar atrás a improvisación. Pero o Goberno deixou ese acordo nun caixón e hoxe o deterioro das rúas segue avanzando ante a falta dunha planificación real», afirma.

Por todo iso, o Grupo Municipal Socialista defenderá no próximo Pleno un rogo para reclamar unha intervención inmediata na rúa do Cubelo e para esixir un maior compromiso co mantemento da cidade. «Os veciños e veciñas xa esperaron demasiado. O que fai falta agora non son máis escusas, senón actuar con urxencia e garantir unhas condicións de seguridade e mantemento que a cidadanía ten dereito a esixir», conclúe a concelleira socialista.

Volver a actualidade