Saltar ao contido
Actualidade

O PSdeG denuncia a “parálise” de Sanmartín no futuro dos aparcadoiros de Praza de Galicia e Praza de Vigo

Marta Abal acusa ao Goberno local de incumprir os compromisos adquiridos coa oposición e de seguir sen definir un modelo de xestión para dúas infraestruturas estratéxicas para a mobilidade e o comercio da cidade.

A concelleira socialista denuncia que a parálise do Goberno de Sanmartín está a facer que Santiago perda oportunidades para mellorar a mobilidade, apoiar ao comercio local e ofrecer un servizo máis eficiente á veciñanza.

Santiago de Compostela, 2 de xuño de 2026. A concelleira do Grupo Municipal Socialista Marta Abal denunciou a parálise absoluta do Goberno de Goretti Sanmartín na definición do futuro dos aparcadoiros municipais de Praza de Galicia e Praza de Vigo, unha situación que considera un novo exemplo da falta de planificación e capacidade de xestión do executivo local.

Marta Abal denunciou que “coa concesión do parking de Praza de Galicia finalizada dende hai hai case un ano e a da praza de Vigo que o fará en outubro”, as os socialistas seguen a esperar pola “convocatoria da comisión” na que se deben analizar as distintas alternativas de xestión para o futuro destas infraestruturas estratéxicas para a cidade.

A edil socialista lembrou ademais que, “no pleno do pasado mes de abril e en resposta a unha iniciativa do Grupo Municipal Socialista, o concelleiro responsable comprometeuse a facilitar a documentación aos grupos municipais e a convocar a comisión durante a primeira semana de maio”, porén, advertiu de que “hoxe, un mes despois da data anunciada, non se produciu ningún avance nin se ofreceu explicación algunha sobre este novo atraso”, unha situación que, ao seu xuízo, evidencia a falta de vontade do Goberno local para abordar este debate con transparencia.

Para Abal, o máis preocupante é que a cidade continúa sen dar sequera o primeiro paso nun proceso que inevitablemente levará tempo e que require análise, diálogo e planificación. A concelleira advertiu de que “seguimos perdendo tempo nun asunto clave para a cidade” cando aínda se está “falando de dar o primeiro paso que inicie o camiño ata a adopción da decisión final”.

A socialista considera que esta falta de avances está a impedir que Santiago poida aproveitar plenamente o potencial destas infraestruturas. Neste sentido, alertou de que “cada día que pasa é unha perda de oportunidades para a cidade”, tanto desde o punto de vista da mobilidade como do apoio á actividade económica e comercial.

Abal defendeu que a definición dun novo modelo de xestión debería servir para modernizar o servizo e responder mellor ás necesidades da veciñanza e dos sectores económicos da cidade. Así, sinalou que se están perdendo “oportunidades para mellorar as infraestruturas, para adoptar tarifas máis competitivas, apoiar o comercio local e mellorar a mobilidade da veciñanza residente”, cuestións que considera fundamentais nunha zona tan sensible como o Ensanche compostelán.

Por todo iso, o Grupo Municipal Socialista reclamou ao Goberno de Goretti Sanmartín que cumpra cos compromisos adquiridos e convoque de inmediato a comisión comprometida. Para Marta Abal, Santiago non pode permitirse seguir acumulando atrasos nun asunto que afecta directamente ao futuro de dúas infraestruturas estratéxicas e que require, máis que anuncios, decisións e planificación.

Actualidade

Máis novas

Actualidade

O PSdeG reivindica nas rúas de Santiago o dereito á vivenda e os salarios dignos fronte ás políticas do PP e Vox

Aitor Bouza defendeu a mobilización da clase traballadora contra a especulación e carga contra o Partido Popular polos seus ataques aos sindicatos e por situarse do lado dos especuladores. O candidato socialista ao Senado, Gumersindo Guinarte, denunciou que PP e Vox bloquearon reiteradamente no Congreso medidas impulsadas polo Goberno de Pedro Sánchez para garantir o […]

Actualidade

O PSdeG denuncia que o Goberno de Sanmartín deixa ás asociacións veciñais apenas dous días para xustificar as subvencións

Gumersindo Guinarte critica que as axudas non se aprobasen ata este luns, día 9, cando o prazo de xustificación remata o mércores 11, coincidindo ademais coa folga xeral. Os socialistas denuncian tamén a redución de 8.000 euros no orzamento da convocatoria e cuestionan que a concesión das axudas se comunicase por correo electrónico en lugar […]

Actualidade

Pedro Blanco sitúa a mobilidade e os equipamentos públicos entre as prioridades para Santa Marta

Abordou coa veciñanza a situación da mobilidade na contorna do Complexo Hospitalario Universitario de Santiago (CHUS), especialmente ante a súa ampliación, e reclama a Xunta e Concello coordinación e transparencia sobre o proxecto para prever solucións nos accesos e o estacionamento. O candidato socialista á Alcaldía agradeceu á asociación veciñal o traballo que desenvolve e […]