Aitor Bouza denuncia que Borja Verea incumpriu o compromiso adquirido coa veciñanza e advirte de que o voto do Partido Popular no Parlamento deixa sen respaldo unha infraestrutura sanitaria comprometida durante a campaña electoral.
O deputado socialista reclama tamén á Xunta que presente de inmediato o plan de continxencia para o verán e evite un novo colapso das urxencias do CHUS, con máis recursos humanos e materiais e sen recortes de camas nin persoal.
O secretario xeral do PSdeG de Santiago e deputado no Parlamento de Galicia, Aitor Bouza, acusou ao Partido Popular de “traizoar” á veciñanza do Castiñeiriño tras votar en contra da construción do novo centro de saúde que a propia formación prometera durante a campaña electoral, e advertiu de que esta decisión supón un novo exemplo dos incumprimentos do PP con Santiago.
Bouza lembrou que a iniciativa foi debatida no Parlamento de Galicia a pasada semana e denunciou que, “lonxe de acatar e cumprir coa súa palabra”, o Partido Popular “votou en contra de facer ese novo centro de saúde”. Ao seu xuízo, esta decisión evidencia “unha nova incoherencia” e, sobre todo, “un novo incumprimento cos veciños e veciñas de Compostela”.
O dirixente socialista foi especialmente duro coa actuación do PP e asegurou que ese voto en contra “é unha traizón absoluta” para as persoas que precisan desta infraestrutura sanitaria, que fora comprometida publicamente polos populares. “Non só nos comprometemos a seguir traballando para que se leve a cabo ese centro de saúde”, afirmou, senón que tamén quixo “lamentar absolutamente esa hipocrisía do Partido Popular”, que ao seu entender vai “en detrimento dos dereitos das persoas” e dunha atención primaria de calidade.
Bouza subliñou que reforzar a atención primaria resulta imprescindible para evitar a saturación do sistema sanitario e advertiu de que contar cun bo servizo de medicina de familia contribúe a impedir “un colapso posterior nas urxencias”.
Plan de continxencia para o verán
Durante a rolda de prensa, o secretario xeral do PSdeG de Santiago reclamou tamén á Xunta de Galicia que presente de inmediato o plan de continxencia comprometido para afrontar o período estival e evitar que se reproduzan as situacións de colapso vividas nos últimos anos no CHUS.
Neste sentido, esixiu ao Goberno galego que poña “todos os medios humanos e materiais” necesarios e advertiu de que a política de “recortar camas” e “recortar persoal” provocou nos veráns anteriores imaxes que “non queremos que se volvan repetir”, con pacientes agardando nos corredores do hospital.
O deputado socialista lembrou que o Executivo autonómico asegurou no Parlamento que elaboraría un plan específico para afrontar esta situación e reclamou que “se poña enriba da mesa ese plan”, que “se demostre que existe” e que se actúe con anticipación para que “ningún veciño e veciña de Compostela e da comarca teña que padecer as inclemencias dos recortes” durante os meses de verán.
Para concluír, Bouza insistiu en que a sanidade pública debe ser unha prioridade e advertiu de que Santiago non pode seguir sufrindo promesas incumpridas nin a falta de planificación da Xunta nun ámbito tan sensible como a atención sanitaria.