O PSdeG acusa ao Goberno de Sanmartín de ir “moi tarde” coa vivenda baleira e esixe rematar xa o censo municipal
Actualidade

O PSdeG acusa ao Goberno de Sanmartín de ir “moi tarde” coa vivenda baleira e esixe rematar xa o censo municipal

Marta Abal advirte de que Santiago segue sen unha radiografía real do seu parque residencial e reclama ao Goberno local que deixe as “medidas de maquillaxe” e poña en marcha un verdadeiro programa para mobilizar vivendas baleiras.

A concelleira socialista cuestiona que, máis dun ano despois de aprobar a recarga do IBI, o Concello estea aínda iniciando os procedementos sobre 19 vivendas de entidades bancarias.

As e os socialistas, que xa levaron esta cuestión en varias ocasións ao Pleno, sitúan a mobilización da vivenda baleira como unha das súas prioridades no que resta de lexislatura.

O Grupo Municipal Socialista reclamou hoxe ao Goberno de Goretti Sanmartín que acelere os traballos para contar cun censo actualizado de vivendas baleiras e poña en marcha unha estratexia real para mobilizalas. Para as e os socialistas, en plena emerxencia residencial, Santiago non pode seguir sen unha radiografía completa do seu parque de vivenda que permita actuar de maneira eficaz.

A concelleira socialista Marta Abal criticou a demora do Goberno da señors Sanmartín na aplicación da recarga do IBI ás vivendas baleiras de entidades bancarias, lembrando que “a modificación da ordenanza fiscal é do ano 2025” e advertindo de que “o Goberno vai moi tarde”. Abal incidiu en que algunhas das vivendas que figuran na documentación municipal “levan baleiras dende o ano 2017” e que estes procedementos “xa se podían ter incoado a finais de 2025”.

Para Abal, esta demora evidencia un problema maior, xa que “a pregunta é cantas outras vivendas baleiras en Santiago poderían estar suxeitas a esta medida e a resposta o Concello non a ten”. Por iso, insistiu en que “é urxente que o Goberno municipal remate o censo de vivendas”, imprescindible para saber cantas están baleiras, onde se atopan, en que condicións están e que medidas poden permitir a súa incorporación ao mercado.

A socialista advertiu ademais de que “mobilizar vivendas non é só aplicar unha recarga fiscal” e defendeu combinar esta ferramenta coa “rehabilitación, a captación, a intermediación e as garantías”, adaptando as actuacións á situación de cada inmoble. Neste sentido, considerou que esta debería ser unha función esencial da empresa pública municipal de vivenda para avanzar nun banco de alugueiro e desenvolver programas propios de captación e rehabilitación.

Abal deixou claro que esta cuestión será unha das bandeiras do Grupo Municipal Socialista no que resta de mandato e lembrou que xa levaron en dúas ocasións iniciativas ao Pleno sobre a vivenda baleira e volveron preguntar pola súa situación. “Non nos cansaremos de dicilo no que reste de lexislatura”, incidiu, situando como prioridade inmediata “mobilizar a vivenda baleira” e avanzando que os socialistas volverán levar unha iniciativa neste sentido ao Pleno ordinario do mes de outubro.

A concelleira incidiu en que a solución estrutural pasa tamén por incrementar o parque público de vivenda protexida de carácter permanente, pero advertiu de que esa vía “vai levar tempo”. Por iso, mentres se avanza nese obxectivo, defendeu que “é necesario mobilizar xa, adoptar medidas xa” para conseguir que no prazo dun ou dous anos parte da vivenda baleira existente en Santiago poida incorporarse ao mercado.

Abal lembrou finalmente que o propio Goberno municipal estableceu como obxectivo contar co censo de vivenda baleira en 2026 pero, “estamos en outubro” e “non sabemos absolutamente nada”. Por iso, reclamou ao executivo de Sanmartín “dilixencia, que se poñan a traballar e que deixen de anunciar medidas de maquillaxe”, porque estas actuacións non abondan para abordar no curto prazo o problema da vivenda en Santiago.

Volver a actualidade