Saltar ao contido
Actualidade

O PSdeG acusa á Xunta de Rueda de permitir un delito ambiental en Miramontes e leva a condena ao Parlamento

Aitor Bouza advirte de que a condena “non é un caso illado” e denuncia unha forma de actuar “neglixente” do Goberno galego en materia ambiental.

O deputado socialista reclama actuacións inmediatas, reparación dos danos e responsabilidades políticas pola inacción da Xunta.

O secretario xeral do PSdeG de Santiago e deputado autonómico, Aitor Bouza, anunciou que o PSdeG levará ao Parlamento de Galicia a recente sentenza sobre o vertedoiro de Miramontes e esixirá á Xunta de Rueda actuacións inmediatas para reparar os danos ambientais causados.

Bouza lembrou que esta resolución xudicial respalda “todos eses anos de denuncias veciñais” nas que se reclamaba a actuación da Xunta “nunha cuestión tan sensible e tan importante como é o medio ambiente”.

Neste sentido, advertiu de que o acontecido “non é un caso illado” e subliñou que non se pode permitir que esta situación “se quede simplemente nunha noticia dun día” sen consecuencias políticas.

O deputado socialista destacou o traballo da veciñanza, que “levaba anos defendendo o que era xusto” e tamén “o patrimonio de todas e de todos”, e asegurou que agora cómpre dar unha resposta política á altura da gravidade dos feitos.

Por iso, anunciou que o PSdeG instará ao Goberno galego a “avaliar todo o impacto xerado polo vertedoiro de Miramontes” e polos efectos que “se recoñecen na propia sentenza”.

Ademais, Bouza reclamou que “se retiren de maneira inmediata todos eses residuos” e que se impulsen “todas as medidas necesarias” para garantir a restauración ambiental das zonas afectadas e a reparación dos danos causados.

O dirixente socialista advertiu de que o ocorrido pon de manifesto unha actuación absolutamente “neglixente” por parte da Xunta de Rueda e criticou que o Goberno galego “faga caso omiso ás reivindicacións medioambientais da veciñanza”.

Neste contexto, Bouza preguntouse se este delito ambiental “é produto dunha inacción da Xunta de Galicia” e, polo tanto, se existen “responsables políticos” desta situación.

Finalmente, subliñou que “o medio ambiente tamén é saúde e calidade de vida” e asegurou que o PSdeG esixirá no Parlamento “a restitución do noso patrimonio, a asunción de responsabilidades e unha avaliación integral do estado actual da zona afectada”.

Actualidade

Máis novas

Actualidade

O PSdeG reivindica nas rúas de Santiago o dereito á vivenda e os salarios dignos fronte ás políticas do PP e Vox

Aitor Bouza defendeu a mobilización da clase traballadora contra a especulación e carga contra o Partido Popular polos seus ataques aos sindicatos e por situarse do lado dos especuladores. O candidato socialista ao Senado, Gumersindo Guinarte, denunciou que PP e Vox bloquearon reiteradamente no Congreso medidas impulsadas polo Goberno de Pedro Sánchez para garantir o […]

Actualidade

O PSdeG denuncia que o Goberno de Sanmartín deixa ás asociacións veciñais apenas dous días para xustificar as subvencións

Gumersindo Guinarte critica que as axudas non se aprobasen ata este luns, día 9, cando o prazo de xustificación remata o mércores 11, coincidindo ademais coa folga xeral. Os socialistas denuncian tamén a redución de 8.000 euros no orzamento da convocatoria e cuestionan que a concesión das axudas se comunicase por correo electrónico en lugar […]

Actualidade

Pedro Blanco sitúa a mobilidade e os equipamentos públicos entre as prioridades para Santa Marta

Abordou coa veciñanza a situación da mobilidade na contorna do Complexo Hospitalario Universitario de Santiago (CHUS), especialmente ante a súa ampliación, e reclama a Xunta e Concello coordinación e transparencia sobre o proxecto para prever solucións nos accesos e o estacionamento. O candidato socialista á Alcaldía agradeceu á asociación veciñal o traballo que desenvolve e […]