Marta Abal cuestiona a falta de rigor do Goberno municipal ao presentar como executados ou en marcha proxectos que continúan sen licitar e advirte de que a veciñanza do rural segue sen respostas aos seus problemas prioritarios.
Os socialistas alertan ademais do atraso na execución dos compromisos vinculados ao protocolo do CHUS, xa que dous anos despois da súa sinatura non hai ningunha obra licitada nin proxectos rematados para ampliar as redes de abastecemento e saneamento en varias parroquias.
O Grupo Municipal Socialista acusou hoxe ao Goberno de Goretti Sanmartín de “vender fume” co cumprimento do Pacto polo Rural e de ofrecer unha imaxe distorsionada do grao real de execución dos investimentos comprometidos para as parroquias compostelás.
A concelleira socialista Marta Abal advertiu de que os datos facilitados polo executivo local no último Consello Municipal do Medio Rural non avalan as afirmacións realizadas pola alcaldesa sobre a existencia de máis de 8 millóns de euros en proxectos executados ou en marcha. Segundo indicou, unha análise detallada da documentación trasladada polo Goberno amosa que unha parte moi importante desa contía corresponde a actuacións que aínda non iniciaron a súa tramitación.
“O que vemos é que o Goberno municipal nin cumpre con rigor o Pacto polo Rural nin informa con rigorosidade do seu cumprimento”, afirmou Abal, que tamén puxo o foco na falta de transparencia do executivo local. A edil lembrou que a día de hoxe segue sen estar formulada a liquidación do orzamento de 2025, malia que debía estar dispoñible antes do 31 de marzo deste ano, unha situación que dificulta comprobar con exactitude o nivel real de execución dos investimentos anunciados.
Segundo explicou, dos máis de 8 millóns de euros que o Goberno atribúe ao cumprimento do pacto, apenas algo máis de 3 millóns aparecen efectivamente executados. O resto corresponde maioritariamente a actuacións previstas para 2026, moitas delas sen licitar e sen garantías de que poidan executarse dentro dos prazos comprometidos.
A concelleira socialista advertiu de que “dificilmente se poderán executar en 2026 proxectos dos que a día de hoxe nin sequera coñecemos a súa licitación”. Para Abal, o Goberno municipal está mesturando obras xa executadas, proxectos en licitación e actuacións que aínda non iniciaron a súa tramitación para trasladar unha imaxe irreal do cumprimento do pacto. “Estamos ante un auténtico xogo de trileiros que impide coñecer cal é a situación real dos investimentos comprometidos co rural”, denunciou.
Como exemplo desta diferenza entre os anuncios e a realidade, a socialista referiuse tamén ao protocolo asinado entre o Concello e a Xunta no marco da ampliación do CHUS. Segundo lembrou, ese acordo incluía unha achega de 3 millóns de euros para actuacións de abastecemento e saneamento nas parroquias da Sabugueira, A Peregrina e San Xoán de Fecha.
“A día de hoxe non hai ningunha obra executada nin licitada e nin sequera están rematados os proxectos”, lamentou, incidindo en que se trata dunha das actuacións máis importantes comprometidas para mellorar servizos básicos no rural compostelán.
Abal concluíu advertindo de que os principais problemas das parroquias continúan sen resolverse malia os anuncios realizados polo Goberno municipal. “Tres anos despois do inicio do mandato, as parroquias compostelás seguen esperando polas actuacións que se lles prometeron. Menos propaganda e máis execución real é o que precisa o rural de Santiago”, rematou.