Bouza pide celeridade ao goberno local na tramitación da declaración de Santiago como zona residencial tensionada
Destacados

Bouza pide celeridade ao goberno local na tramitación da declaración de Santiago como zona residencial tensionada

  • “Non podemos permitir que a mocidade que vén a estudar a nosa cidade teña que volver a buscar piso no vindeiro curso sen que este trámite estea concluído” afirma
  • Acusa á Xunta de dificultar a tramitación e lamenta que o 50% dos fondos destinados ao acceso da vivenda da Xunta de Galicia do 2023 quedasen sen executar: “parécenos un drama absoluto”

Santiago de Compostela, 12 de abril de 2024. Acelerar os trámites para a declaración de Santiago como zona residencial tensionada e poder poñer tope ao prezo dos alugueiros, é o que lle reclaman os socialistas ao executivo de Sanmartín logo de “meses sen ningún avance” para elevar a solicitude formal á Xunta de Galicia que será a que teña que ratificar esta declaración, a través do Instituto Galego de Vivenda e Solo.

Aitor Bouza insta ao goberno local a constituír “de xeito inmediato” a mesa sectorial que esixe a regulación formulada pola administración autonómica para iniciar o traballo conxunto co sector. Aínda que recoñece as dificultades na tramitación polos trámites incorporados por parte do goberno galego, a modo de “cortapisa que pretende afondar no rexeitamento que ten a Xunta de Rueda no que respecta á lei de vivenda aprobada polo goberno do Estado”, insiste en que isto “non pode ser unha escusa para que o goberno municipal non faga os seus deberes”.

Lembra que o grupo socialista levou ao pleno do mes de xaneiro unha moción reclamando esta declaración que foi ademais ratificada por maioría absoluta da corporación, a excepción do PP. “Tivemos a suficiente temperanza e paciencia” recalca Bouza mais, despois de varios meses, “vemos como o goberno municipal anuncia a creación de novos organismos pero non avanza nos que xa están aprobados”.

“Non podemos permitir que a mocidade que vén a estudar a nosa cidade teña que volver a buscar piso no vindeiro curso sen que este trámite estea concluído” destaca o secretario xeral dos socialistas en Santiago que insiste ademais nas necesidades dunha vivenda accesible das novas familias que queren asentarse en Santiago.

A Xunta non gasta o que orza en materia de vivenda

Bouza amosouse especialmente crítico co “desinterese” da Xunta de Galicia nas políticas de vivenda. Destaca que, a proba, é o nivel de execución dos fondos destinados a este ámbito: “o 50% dos fondos destinados ao acceso á vivenda quedaron no 2023 sen executar, parécenos un drama absoluto que eses millóns, que poderían reverter na mellora das condicións dos galegos e galegas quedaran nas arcas públicas” denuncia.

Defende Bouza a necesidade de traballar conxuntamente desde as administracións para conseguir que a xente que queira vivir en Santiago o faga de forma “asequible” e con “dignidade”, “e non teña que deixar o 50% do seu soldo no alugueiro”.

Volver a actualidade