O voceiro socialista confirma que a negociación co executivo municipal non está pechada e que a posición de voto dependerá da receptividade ás máis de 70 propostas trasladadas polo PSdeG, que recollen tanto prioridades políticas do partido como demandas expresas da veciñanza.
Os socialistas advirten de que todas as posibilidades están abertas en función do grao de compromiso real do Goberno coas súas demandas.
O voceiro do Grupo Municipal Socialista, Gumersindo Guinarte, valorou a aprobación en Xunta de Goberno Local do proxecto de orzamento municipal para 2026 e lembrou que, segundo recoñeceu a propia alcaldesa, o executivo non ten pechados os apoios necesarios para garantir a súa aprobación definitiva no pleno.
O dirixente socialista confirmou que nas últimas semanas se desenvolveu un proceso de negociación co Goberno municipal no que o PSdeG trasladou unha batería ampla de propostas. Tal e como explicou, “nos estivemos nun proceso de negociación co Goberno Municipal, presentamos unha listaxe de propostas exixentes, máis de 70 propostas”, unha relación de iniciativas que inclúe tanto medidas de carácter político como compromisos de xestión.
Segundo detallou, dentro desa listaxe existen propostas “que non comportan necesariamente gasto orzamentario, pero si compromiso do Goberno”, así como outras actuacións “que si son de necesario encaixe presupostario”, polo que a súa incorporación ao documento definitivo resulta, ao seu xuízo, clave para determinar a posición do Grupo Socialista.
O voceiro insistiu en que, a día de hoxe, a negociación non pode darse por concluída, xa que “esa negociación con nós non está evidentemente cerrada, no sentido de que haxa un acordo”, deixando claro que non existe ningún compromiso pechado respecto ao sentido do voto.
Neste contexto, explicou que será no momento do debate plenario cando os socialistas adopten unha decisión definitiva. “Iso significa que, cando se produza o debate, nós valoraremos en que medida o Goberno Municipal incorporou as nosas exixencias, en que medida forman parte do orzamento”, sinalou, advertindo de que “iso será o que determine a nosa posición de voto”.
O voceiro socialista recalcou que, polo tanto, “a día de hoxe, todas as posicións e todas as posibilidades están abertas”, e que a decisión final dependerá “en función de cal fora a receptividade do Goberno Municipal as nosas propostas que coñece perfectamente”.
Desde o Grupo Municipal Socialista insisten en que a súa postura estará guiada polo interese da cidade e pola incorporación efectiva das medidas que consideran prioritarias, reiterando que o diálogo segue aberto pero que o apoio aos orzamentos esixirá compromisos concretos e verificables.

