Saltar ao contido
Actualidade

O PSdeG reclama a Sanmartín que rectifique a nova rede de transporte urbano para evitar que Mallou perda o servizo de autobús

Marta Abal advirte de que a desaparición da actual liña 4 deixaría sen paradas a rúa Mallou e a rúa do Ceo, prexudicando especialmente ás persoas maiores e con dificultades de mobilidade.

As e os socialistas preguntarán no Pleno se o Goberno municipal revisará os percorridos e atenderá a alternativa proposta polas asociacións veciñais para manter a conexión do barrio.

A concelleira do Grupo Municipal Socialista Marta Abal reclamou ao Goberno de Goretti Sanmartín que revise os percorridos previstos na nova rede de transporte urbano para evitar que Mallou perda o servizo de autobús. O grupo municipal socialista levará esta cuestión ao Pleno municipal ante a desaparición da actual liña 4, Romaño–As Cancelas, que suporía a eliminación das paradas situadas na rúa Mallou e na rúa do Ceo.

Abal advertiu de que «a nova rede de transporte urbano de Santiago non pode supoñer un paso atrás para os nosos barrios», como podería suceder en Mallou, onde a veciñanza está preocupada pola desaparición das paradas actuais. Trátase dunha zona cun importante desnivel, «onde os desprazamentos a pé non sempre son doados, especialmente para as persoas maiores ou con dificultades de mobilidade», polo que a concelleira insistiu en que «non podemos permitir que unha remodelación do transporte público acabe deixando a veciñanza con menos servizos dos que xa ten».

A socialista lembrou que «as asociacións veciñais xa trasladaron ao Concello a súa preocupación e mesmo propuxeron unha alternativa para manter a conexión de Mallou a través da liña da Almáciga», ampliando o seu percorrido para dar tamén servizo ás Torres de As Cancelas. Ante esta proposta, Abal cuestionou a falta de resposta do executivo municipal, xa que «o que non se entende é que estas demandas non teñan unha resposta clara», especialmente cando se trata de evitar que a nova rede empeore as conexións existentes.

Por iso, Abal anunciou que «dende o Grupo Municipal Socialista preguntaremos no próximo Pleno se o Goberno de Sanmartín ten previsto revisar os percorridos e recuperar o servizo en Mallou», reclamando que se atendan as demandas trasladadas polas asociacións veciñais. A concelleira insistiu en que «renovar o transporte urbano ten que significar conectar mellor os barrios, non deixar a ningún atrás», e defendeu que a implantación da nova rede debe servir para mellorar a mobilidade da veciñanza, non para reducir os servizos dos que xa dispón.

Actualidade

Máis novas

Actualidade

O PSdeG reivindica nas rúas de Santiago o dereito á vivenda e os salarios dignos fronte ás políticas do PP e Vox

Aitor Bouza defendeu a mobilización da clase traballadora contra a especulación e carga contra o Partido Popular polos seus ataques aos sindicatos e por situarse do lado dos especuladores. O candidato socialista ao Senado, Gumersindo Guinarte, denunciou que PP e Vox bloquearon reiteradamente no Congreso medidas impulsadas polo Goberno de Pedro Sánchez para garantir o […]

Actualidade

O PSdeG denuncia que o Goberno de Sanmartín deixa ás asociacións veciñais apenas dous días para xustificar as subvencións

Gumersindo Guinarte critica que as axudas non se aprobasen ata este luns, día 9, cando o prazo de xustificación remata o mércores 11, coincidindo ademais coa folga xeral. Os socialistas denuncian tamén a redución de 8.000 euros no orzamento da convocatoria e cuestionan que a concesión das axudas se comunicase por correo electrónico en lugar […]

Actualidade

Pedro Blanco sitúa a mobilidade e os equipamentos públicos entre as prioridades para Santa Marta

Abordou coa veciñanza a situación da mobilidade na contorna do Complexo Hospitalario Universitario de Santiago (CHUS), especialmente ante a súa ampliación, e reclama a Xunta e Concello coordinación e transparencia sobre o proxecto para prever solucións nos accesos e o estacionamento. O candidato socialista á Alcaldía agradeceu á asociación veciñal o traballo que desenvolve e […]