A concelleira Marta Abal denuncia a parálise na venda de parcelas fundamentais para proxectos clave e o abandono do Parque de Carlomagno, e esixe á alcaldesa Sanmartín unha actuación urxente para desbloquear estas cuestións que afectan ao desenvolvemento local.
O Grupo Socialista advirte da ameaza que supón a inacción da señora Sanmartín para os investimentos municipais e reclama solucións urxentes.
Santiago de Compostela, 27 de maio de 2025. O Grupo Municipal Socialista de Santiago de Compostela levará ao Pleno do 3 de xuño dúas iniciativas co obxectivo de denunciar a inacción do Goberno de Sanmartín en cuestións clave para o futuro da cidade: a venda de parcelas municipais incluídas no orzamento de 2025 e o lamentable estado de abandono do Parque de Carlomagno, no barrio de Fontiñas.
A primeira, unha pregunta formulada pola concelleira Marta Abal, cuestiona a total ausencia de avances na venda de catro parcelas municipais que deberían achegar 5,8 millóns de euros aos investimentos da cidade. “Se esas parcelas non se venden este ano, proxectos como a cociña central para os comedores escolares ou a compra de inmobles para servizos públicos non se van poder executar. Están xogando con fume”, advertiu Abal.
O PSdeG lembra que eses ingresos representan case o 50 % do capítulo de investimentos do Concello e denuncia que, a estas alturas do ano, non hai rastro do procedemento de licitación. “Comprometer proxectos sen garantir os cartos é unha grave irresponsabilidade”, afirmou.
MANTEMENTO DO PARQUE DE CARLOMAGNO
Por outra banda, o Grupo Municipal Socialista presentará un rogo en relación co lamentable estado de abandono do Parque de Carlomagno, situado no barrio de Fontiñas. “Este parque, un dos pulmóns verdes da cidade, presenta unha falta de mantemento importante, existindo partes nas que a herba chega, literalmente, á altura dos xeonllos”, denunciou Abal. “A imaxe que se transmite é de descoido absoluto, polo que resulta urxente que se adopten as medidas necesarias para garantir un mantemento axeitado e regular deste espazo público”.
O PSdeG reclama, así, que a señora Sanmartín actúe de maneira inmediata para poñer fin á situación actual, tanto no que respecta á transparencia e execución do orzamento, como á conservación dos espazos públicos.
Con estas dúas iniciativas, o Grupo Socialista reafirma o seu compromiso cunha xestión municipal transparente, eficaz e centrada nas necesidades reais da veciñanza de Santiago de Compostela.