O PSdeG de Santiago defende que a declaración da cidade como zona de mercado residencial tensionado é unha ferramenta clave para frear a escalada dos prezos do alugueiro e facer efectivas as políticas públicas de vivenda.
O voceiro socialista Gumersindo Guinarte alerta de que “a vivenda é o problema que máis preocupa aos composteláns e compostelás” e pide á Xunta que “non bloquee unha medida fundamental para garantir este dereito”.
Santiago de Compostela, 27 de maio de 2025. O Grupo Municipal do PSdeG-PSOE de Santiago de Compostela celebra a decisión do Goberno municipal de declarar a cidade como zona residencial tensionada, unha medida que as e os socialistas viñan reclamando dende hai máis dun ano e medio, ante a crecente dificultade de acceso á vivenda por parte da veciñanza.
“Alégranos que o Goberno municipal declarase Santiago de Compostela como zona tensionada, algo que as e os socialistas vimos reclamando dende fai ano e medio”, declarou o voceiro socialista, Gumersindo Guinarte, quen advertiu de que agora “o que cómpre é que esta medida aprobada no ámbito municipal non atope atrancos no ámbito da xestión da Xunta de Galicia. Que a Xunta de Galicia, por tanto, non poña atrancos, senón todo o contrario, para que isto sexa unha realidade”.
Guinarte lembrou que “a vivenda é o problema que máis preocupa ás e aos cidadáns de Santiago de Compostela”, e advertiu que a cidadanía non entendería que a Xunta bloquease unha medida tan necesaria para garantir o dereito a unha vivenda digna. Neste sentido, afirmou que “non imos consentir que a Xunta paralice esta medida fundamental para a cidade por intereses partidistas ou por falta de vontade política”.
As e os socialistas de Compostela consideran que a declaración como zona de mercado residencial tensionado é unha ferramenta imprescindible para frear a escalada dos prezos do alugueiro e permitir que as políticas públicas de vivenda sexan efectivas. “Esta medida o que pretende é topar os prezos para que a vivenda sexa un dereito asequible para os cidadáns e as cidadás, e que este dereito poida ser realmente unha realidade efectiva e non unha simple quimera”, concluíu Guinarte.
Desde o PSdeG de Santiago instan á Xunta de Galicia a colaborar activamente e poñerse do lado da veciñanza, asumindo a súa responsabilidade institucional en lugar de frear avances necesarios para garantir o benestar da cidadanía compostelá.