O secretario xeral, Aitor Bouza, quixo poñer en valor “a paciencia e o traballo da Asociación de Veciños de Laraño para conseguir este cambio e tamén a implicación do Delegado do Goberno neste asunto para atopar unha solución na defensa dos veciños e veciñas da nosa cidade.”

Santiago de Compostela, 25 de febreiro de 2025. O Partido Socialista de Santiago culminou no día de onte unha ronda de contactos coa veciñanza da Asociación de Veciños de Laraño e a Delegación do Goberno para reclamar unha solución na liña do reclamado pola veciñanza da zona.
Ao longo do día de onte representantes do Partido na cidade e do Grupo Municipal, a concelleira Marta Abal e o voceiro Gumersindo Guinarte, mantiveron unha xuntanza con directivos/as da Asociación de Laraño para trasladarlle o seu apoio absoluto ás reivindicacións que se levan facendo por parte destes no que respecta á súa instalación de paneis opacos antirruído que están previstos e que xeran grandes problemas á cidadanía da parroquia.
Posteriormente mantívose unha xuntanza co delegado do Goberno en Galicia, Pedro Blanco Lobeiras, na que participaron o voceiro socialista no concello de Santiago, Gumersindo Guinarte e o secretario xeral, Aitor Bouza, para trasladar a situación dos paneis na citada parroquia.
As e os socialistas fixeron súas as reivindicacións da Asociación e reclamaron que os paneis antirruído que se van a instalar sexan transparentes e permitan pasar a luz. Na xuntanza mantida, o delegado do goberno mantívose confiado en poder alcanzar esta modificación, aínda que supoña un incremento orzamentario sobre o inicialmente previsto.
O secretario xeral, Aitor Bouza, quixo poñer en valor “a paciencia e o traballo da Asociación de Veciños de Laraño para conseguir este cambio e tamén a implicación do Delegado do Goberno neste asunto para atopar unha solución na defensa dos veciños e veciñas da nosa cidade.”