Saltar ao contido
Actualidade

O PSdeG denuncia que Sanmartín mantén paralizado o Foro de Turismo Sustentable

Gumersindo Guinarte insta ao executivo local a reunir durante o mes de xullo o órgano encargado de decidir o destino dos fondos vinculados á recarga turística.

Os socialistas alertan da caída dos datos turísticos e advirten de que a recarga turística non pode empregarse para substituír outras fontes de financiamento nin para financiar gastos xa previstos.

O voceiro do Grupo Municipal Socialista, Gumersindo Guinarte, reclamou hoxe ao Goberno de Goretti Sanmartín que deixe de atrasar a posta en marcha do Foro de Turismo Sustentable e garanta a transparencia na xestión dos fondos da recarga turística. Os socialistas consideran inaceptable que, coa normativa xa en vigor e preto de tres millóns de euros previstos nos orzamentos, o executivo siga sen convocar o órgano chamado a decidir o destino destes recursos.

Guinarte lembrou que «o regulamento xa entrou en vigor e xa non hai escusas» para convocar este órgano de participación. Ao seu xuízo, o Foro de Turismo Sustentable debe ser «o espazo no que se decida con transparencia o destino dos fondos da recarga turística», contando coa participación dos sectores implicados.

O voceiro socialista advertiu de que nos orzamentos municipais deste ano figuran arredor de tres millóns de euros vinculados á recarga turística e reclamou que o Goberno local informe tamén «da cantidade liquidada no ano 2025 e do destino que se lle deu a eses fondos». Para Guinarte, a cidadanía debe coñecer con claridade como se están a empregar uns recursos que teñen como finalidade mellorar a sustentabilidade e a competitividade turística da cidade.

O portavoz socialista alertou ademais da evolución negativa dos indicadores turísticos. «Os datos non son bos», sinalou, lembrando que Santiago perdeu preto de 100.000 pernoctacións nos cinco primeiros meses do ano e que a ocupación hoteleira caeu case dez puntos respecto ao mesmo período de 2025. «Temos que actuar xa para recuperar turismo de calidade, alongar estadías e preparar con rigor o Xacobeo 2027», afirmou.

Guinarte mostrou tamén a súa preocupación porque o Goberno municipal «xa anunciase posibles destinos destes fondos» cando algunhas desas actuacións xa estaban previstas con outras fontes de financiamento ou mesmo serían asumidas polo Consorcio de Santiago, como acontece coa restauración do Arco de Mazarelos.

«A recarga turística non pode servir para maquillar partidas nin para substituír outras vías de financiamento», advertiu o voceiro socialista. «Ten que empregarse con planificación, participación e transparencia», concluíu, reclamando ao Goberno de Goretti Sanmartín que deixe de atrasar a posta en marcha dun órgano chamado a decidir unha cuestión estratéxica para o futuro turístico de Santiago.

Actualidade

Máis novas

Actualidade

O PSdeG reivindica nas rúas de Santiago o dereito á vivenda e os salarios dignos fronte ás políticas do PP e Vox

Aitor Bouza defendeu a mobilización da clase traballadora contra a especulación e carga contra o Partido Popular polos seus ataques aos sindicatos e por situarse do lado dos especuladores. O candidato socialista ao Senado, Gumersindo Guinarte, denunciou que PP e Vox bloquearon reiteradamente no Congreso medidas impulsadas polo Goberno de Pedro Sánchez para garantir o […]

Actualidade

O PSdeG denuncia que o Goberno de Sanmartín deixa ás asociacións veciñais apenas dous días para xustificar as subvencións

Gumersindo Guinarte critica que as axudas non se aprobasen ata este luns, día 9, cando o prazo de xustificación remata o mércores 11, coincidindo ademais coa folga xeral. Os socialistas denuncian tamén a redución de 8.000 euros no orzamento da convocatoria e cuestionan que a concesión das axudas se comunicase por correo electrónico en lugar […]

Actualidade

Pedro Blanco sitúa a mobilidade e os equipamentos públicos entre as prioridades para Santa Marta

Abordou coa veciñanza a situación da mobilidade na contorna do Complexo Hospitalario Universitario de Santiago (CHUS), especialmente ante a súa ampliación, e reclama a Xunta e Concello coordinación e transparencia sobre o proxecto para prever solucións nos accesos e o estacionamento. O candidato socialista á Alcaldía agradeceu á asociación veciñal o traballo que desenvolve e […]