O PSdeG esixe a Sanmartín toda a información dos orzamentos e maior ambición e concreción para poder apoialos

A concelleira Abal manifestou que “hai compromisos que xa se recollían o ano pasado e que aparecen novamente no ano 2025, polo que entendemos que non se cumpriron. Solicitamos que se nos remita un informe detallado no que se indique o grao de execución e cumprimento do pacto asinado entre as e os socialistas e o goberno municipal no pasado ano.”

Requirimos á alcaldesa que se comprometa con prazos e con contías exactas en cada unha das actuacións propostas e escoite as demandas que queremos incorporar” aseverou Abal.

Santiago de Compostela, 21 de febreiro de 2025. O Partido Socialista de Santiago mantivo no día de onte unha xuntanza de traballo entre o voceiro socialista no concello de Santiago, Gumersindo Guinarte e a concelleira socialista, Marta Abal e a dirección local do Partido representada polo seu secretario xeral, Aitor Bouza, para abordar os orzamentos municipais de 2025.

A concelleira socialista, Marta Abal, destacou dos orzamentos que se presentan que “hai compromisos que xa se recollían o ano pasado e que aparecen novamente no ano 2025, polo que entendemos que non se cumpriron. Isto nos leva a reclamar que a alcaldesa renda contas sobre os compromisos adquiridos co acordo orzamentario do ano 2024. Solicitamos que se nos remita un informe detallado no que se indique o grao de execución e cumprimento do pacto asinado entre as e os socialistas e o goberno municipal no pasado ano.”

A concelleira explicou a modo de exemplo de compromisos do pasado exercicio incumpridos “vemos pendentes obras como as de García Lorca, Ponte da Raíña, Mallou e Santiago de Chile, as actuacións nas rúas de Bonaval, Hortas, Carme de Abaixo ou as melloras nos Campos de fútbol de Villestro ou de Fátima ou o parque de bombeiros, entre moitos outros.”

Abal afirmou que “non podemos permitir que os acordos asinados queden en papel mollado ano tras ano e, por iso, queremos asegurarnos que se se chega a acordos é para que os cartos se empreguen para mellorar a calidade de vida da nosa veciñanza. Se o goberno municipal ten o noso apoio aos orzamentos é para que se cumpran os compromisos e se executen as obras pactadas. Para isto, requirimos á alcaldesa que se comprometa con prazos e con contías exactas en cada unha das actuacións propostas e escoite as demandas que queremos incorporar.”

A socialista esixiu á Sra. Sanmartín que “nos fagan entrega de toda a información que temos solicitado porque sen esa información non podemos facer unha valoración real que nos permita saber os pormenores exactos do que temos que votar a vindeira semana. Os informes técnicos que coñecemos ata agora non son moi reconfortantes nin tranquilizadores, xa que advirten claramente que os ingresos que se recollen poden non axustarse á realidade, o que provocaría que non se puidesen cumprir as obras ou actuacións previstas para a mellora dos servizos públicos.”

Abal rematou incidindo en que “dende o Partido Socialista traballamos cun horizonte claro: negociar co goberno municipal para poder apoiar estes orzamentos en beneficio da veciñanza de Santiago. Nós temos claro que seguiremos negociando ata o último minuto para poder darlle a Compostela os orzamentos que os seus veciños e as súas veciñas se merecen.”

A postura que manterán as persoas que representan ao Partido Socialista no Pleno da Corporación de Santiago de Compostela será decidida conxuntamente entre a dirección local do Partido e os integrantes do Grupo Municipal Socialista na vindeira semana tras as negociacións que se produzan co goberno local e pensando sempre no interese da veciñanza compostelá. Ademais, a Executiva Municipal convocou á súa militancia a semana que vén para abordar esta cuestión.