Marta Abal reclama ao Goberno local que aclare que modificacións de percorridos, frecuencias e conexións está disposto a asumir e cales poderán estar operativas desde o inicio do novo servizo.
As e os socialistas advirten de que o novo mapa de liñas non pode deixar núcleos desconectados nin crear desigualdades entre a veciñanza das parroquias, especialmente nas fins de semana e festivos.
Santiago de Compostela, 4 de setembro de 2026. A concelleira do Grupo Municipal Socialista Marta Abal reclamou ao Goberno de Goretti Sanmartín que aproveite o desbloqueo da adxudicación do novo contrato de transporte urbano para concretar os cambios que se introducirán nas liñas do rural, unha vez superado o recurso que mantiña paralizado o procedemento.
Para Abal, ábrese agora “unha fase decisiva para Santiago” na que o executivo municipal debe aclarar “que modificacións concretas das liñas do rural está disposto a asumir e cales poden estar listas desde o inicio do novo servizo”, evitando que o desbloqueo administrativo dea paso a novas demoras na toma de decisións.
A concelleira socialista lembrou que as asociacións veciñais levan meses trasladando propostas sobre percorridos, frecuencias e conexións e defendeu que “chegou o momento de pasar dos compromisos ás decisións”, polo que esas demandas “deben ser tidas en conta” antes de definir o novo mapa do transporte público.
Neste sentido, Abal incidiu na importancia que ten este servizo para as parroquias porque “o transporte público no rural é fundamental para garantir o acceso aos servizos básicos, especialmente para as persoas maiores e para a mocidade, e tamén para combater a despoboación”.
Por iso, advertiu de que “os novos percorridos non poden crear desigualdades entre os núcleos das parroquias nin deixar parte da veciñanza desconectada do casco urbano”, unha situación que preocupa especialmente “os sábados pola tarde, domingos e festivos”.
Desde o Grupo Municipal Socialista reclaman así ao Concello que informe con claridade sobre as propostas formuladas pola veciñanza e determine “que cambios son técnica e economicamente viables, cales poden incorporarse desde o primeiro día e en que prazos”.
Abal insistiu en que o desbloqueo do contrato debe servir para dar respostas ás parroquias e non para pechar unha oportunidade de mellorar o servizo, porque “o novo contrato non pode pechar o mapa de liñas sen atender as necesidades do rural”.